Friday 26 de April de 2024

A Xunta renova o mobiliario urbano no Porto de Malpica con material ecolóxico procedente da reciclaxe de plásticos


Portos de Galicia substitúe os bancos da explanada portuaria por uns novos nos que un 10% da materia prima ten como orixe o lixo mariño, contribuíndo así á mellora do medio ambiente e á economía circular

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a renovar parte do mobiliario urbano do porto do municipio coruñés de Malpica de Bergantiños. O ente público iniciou nos últimos días as obras de renovación de bancos empregando material ecolóxico e tecnolóxico.

Os traballos, que se atopan en execución, consisten na substitución dunha decena de bancos de madeira situados na explanada do porto de Malpica e que presentaban danos polo deterioro do material. Portos de Galicia está a instalar no seu lugar bancos novos fabricados empregando como materia prima plásticos reciclados -un 10% procedente de lixo mariño- axeitadamente tratados para o seu uso como materia prima en procesos industriais.

Deste xeito, o ente público, atende as necesidades de conservación e mantemento das instalacións ao tempo que contribúe á mellora do medio ambiente a través da posta en valor dos materiais ecolóxicos e promove a economía circular e a xestión sostible dos residuos.